Queipo, Piñeiro e a saudade (A voo de tecla 20/08/2008)

Achegouse o Xavier Queipo a dar palestra na Coruña cun título suxestivo: “Na procura de coordenadas”. Home de Ciencias, médico, biólogo e mariño de altos mares, falou ante un público que lle bebías as palabras —por veces, difíciles— sobre como os animais (terrestres, aéreos ou mariños) se sitúan no Planeta Azul que xira arredor da estrela solar.
O escritor galego de máis sona por Europa adiante (mesmo “poeta oficial” da cidade de Bruxelas) non desaproveitou para tocar nas especiais coordenadas dos expatriados. Fixo diferenzas entre emigrantes clásicos e actuais, recomendou acabar cos centros galegos á antiga, entrou polos camiños da saudade e acabou protestando porque a Ramón Piñeiro se lle dedicase o Día das Letras Galegas do 2009.
Queipo entende que os saudosistas galegos como Piñeiro sabían pouco de bioloxía. Di que non se pode atribuír características raciais —de pobo— á sensación da ausencia propia nos lugares onde viviu quen sofre de saudosa anguria.
Certamente, a saudade non é un xeito de sentir relacionado en directo coa estrutura de ADN máis xeneralizada entre os galegos. Aínda así, desde a Babel europea onde mora o autor de O Paso do Noroeste cómpre pregoar a galeguidade do invento. Os galegos puxeron palabra única a un sentimento que pode ser de todos os humanos: galegos (mesmo castelanizados) e portugués-falantes de todo o mundo atribúen con exactitude esa palabra ao mal de ausencias. O resto da xente, nas súas linguas, ten que dar explicacións para expresalo.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 20/08/2008]

Share