Bits e té (A voapluma, Diario de Ferrol, 27/11/2001)

Contando coa paciencia dos lectores, respondo notas e cartas que me envían.
Nesta ocasión, á dun colega, que me escribiu logo de ler a columna titulada Suma e segue, en referencia aos cerebros (con corpo e alma) que non deixa de perder Galicia.
Luís Castedo, catedrático na Facultade de Informática coruñesa, agradecía a miña mención dunha exalumna de ambos, que marcha aos Estados Unidos a ensinar e investigar porque aquí, con LOU e sen LOU, non ten sitio…
Á procura dun artigo sobre a seguranza do comercio electrónico baseado na Internet, revisei un número atrasado da revista Bit, que ten nome con dobre sentido: iniciais de Boletín Informativo de las Telecomunicaciones (BIT) e contracción de “binary unit”, o “bit” da “sociedade dixital” de que todo o mundo fala pero pouca xente sabe.
Castedo sabe moito de bits, e mesmo ten unha capacidade fabulatoria que o honra.
Nesa número de Bit escribiu un obituario excelente sobre Claude Shannon, inventor da contracción devandita, e de toda unha teoría da información que cambiou o mundo.
Algunha vez —a contrafío— teño dito que Einstein non é o grande xenio do século XX, senón Shannon. O que non recordaba eu é o que conta Luís no seu artigo de loanza ao pai da sociedade da información:
En certa ocasión, estando Shannon a dar teoría na universidade de Princeton, viu que Einstein lle entraba na aula.
Cando rematou a exposición, o xove matemático preguntou pola presencia do físico consagrado.
Este —aclaráronlle— só viñera preguntar polas bolsiñas do té.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 27/11/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*