Tribalmente (A voapluma, Diario de Ferrol, 25/11/2001)

Como onte, sigo co Espírito Santo; e con notas sobre Religión para Ana y Laura.
Falei cunha das miñas irmás, quen me contou outro caso relativo a coñecementos teolóxicos infantís:
Dúas sobriñas-netas nosas andaban preocupadas polo enguedello paterno-filial da divindade —Espírito Santo polo medio— e chegaron a unha irreverente solución:
—Se cadra, a pomba é filla de divorciados…
Irreverente é o libro de referencia. Mírense nas páxinas 273 e 274 como trata o asunto das plumas-reliquia da divina Pomba.
Ben. Esta materia é complicada, e non todo o mundo está preparado para tratala sen caer na frivolidade.
Outra máis opinable é a socio-política:
Tiro citas dese texto: “Nacionalismos y religiones son los peores males de la Humanidad”. “Nacionalismo y xenofobia son dos caras de la misma moneda”. “Los nacionalismos encajan dentro del tipo de personalidad que Erich Fromm denomina de conformidad automática: sumisos con el poder y dominantes frente al débil”.
Lido o cal declárome tribalmente nacionalista:
Nacionalista de Miguelturra, onde respirei o primeiro aire; e de Ferrol, onde me fixen persoa (“Ferrol me fecit”, segundo Torrente Ballester); da Coruña, malia os lacoruñatas, onde moro desde hai media vida; de Galicia, terra de impotencias e gozos; de España, que define medularmente os meus apelidos; de Portugal, que non puido ser Galicia (léase a Alexandre Herculano); da Arxentina, que me fai querela a forza de abraio; do Brasil, a onde sempre fuxiría.
E dun mundo enteiro de tribos e nacións.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 25/11/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*