O idioma da enerxía (A voo de tecla, 09/08/2008)

Desde hai tempo vense advertindo de que o mellor dos negocios é o da enerxía. Pasou a moda das TICs, as tecnoloxías da información e a comunicación, e chegouse a unha verdade bruta: sen enerxía non funcionan os ordenadores nin as redes que os comunican.
Enerxía. O caso recente de Fenosa a mudar de dono, e de centro de mando, leva a pensar en enerxía e idiomas. Fenosa creouse en Galicia sobre ideas expresadas en castelán. En Fenosa –como en calquera grande empresa galega– só falaban a lingua do país os obreiros e uns poucos técnicos a quen os seus superiores consideraban “raros”. Cando se produciron os traslados de directivos a Madrid, algún deles –malia o apelido enxebre– respirou aliviado pois que se libraba da pexa da lingua inferior.
En Cataluña, sen embargo, as empresas adoitan facerse en catalán. As decisións de consello tómanse no mesmo idioma en que se fala nos clubs de finanzas e negocios. En catalán, idioma de inescusable inmersión (cómprelles tomar nota aos trasladables de Unión Fenosa), seica se vai decidir sobre as lonxincuas fontes de enerxía galega.
Aínda máis: o centro de xestión do ITER está en Barcelona. Do maior proxecto científico do mundo, se cadra, hase falar en inglés; pero tamén en catalán. Do reactor de fusión nuclear, da “enerxía eterna”, da “solución final” falarase no idioma en que se fai pobo en Cataluña… cando, curiosamente, no ITER manda desde Bruxelas un galego que nunca renunciou á súa fala. Mais Galicia quizais non teña sitio para xente coma el.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 09/08/2008]

Share