Santa pomba (A voapluma, Diario de Ferrol, 24/11/2001)

A morte dun case personaxe de A nosa cinza (perdón pola cita) faime lembrar que eu, de cativo, cheguei a entender o Espírito Santo como unha pomba iluminadora, principalmente para os estudios (léase o capítulo correspondente do mencionado texto).
O crego que xa pasou ao humus ten moita responsabilidade no meu infantil concepto; como algunha monxa a debe ter na idea que unha nena tirou sobre a Terceira Persoa da Trindade.
A cativa, filla dunha compañeira de traballo que tal contaba, seica estaba orgullosa de “ter entendido” o que a profe lle explicara. E repase ben o lector:
—Mami, o do Espírito Santo éche moi fácil. Mira: é que todos voaban menos a Virxe…
Contei o caso ao Xabier DoCampo, quen de pícaro correu polo seminario de Lugo, e retrucou cun repaso polos seus coñecementos eclesiásticos: el sabe dun lugar da Italia onde se conserva unha pluma de quen non é nin Pai nin Fillo.
A conversa sucedeu no quiosco do Suso e, logo de rumbearmos para o edificio no que o DoCampo e eu somos veciños, metinme co ordenador.
Descargando correo, detectei nova carta provocante desas misteriosas Ana e Laura receptoras das leccións sobre relixión do seu suposto pai (¿padre?) galego José Antonio de Taboada, que publicou Foca en Madrid.
As supostas mozas chámanme “nacionalista narcisista, como todos los nacionalistas”. E insisten en frases do libro incendiario:
“Los nacionalismos y las religiones son los peores males que ha sufrido la Humanidad”…
Mi madriña, que cruz, cando aquela Pomba era tan linda.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 24/11/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*