Tabaquismo (A voapluma, Diario de Ferrol, 23/11/2001)

Cando eu era pequeno vivía en Ferrol un señor, amigo da familia, ao que eu quería ben porque me deixaba libros de aventuras. Ese señor –que chegou a moi vello– fumaba con boquilla e prendía un cigarro coa “pava” do anterior. Fumador en cadea, causábame admiración cando xa algún cigarro prohibido me provocara as primeiras náuseas.
Fumar, “placer ideal, sensual” segundo a esplendorosa bacana (termo arxentino que moito me gusta) que foi a Sara Montiel de El último cuplé, pasou a nós como algo natural, aínda que os médicos advertisen de que non era tan boa cousa.
Correron os anos e fómonos decatando de que, alén da anoxia, a carboxemia e todas as faltas de respiro que daban lugar ás neuralxias, a xente púñase mal do peito e mesmo chegaba ao horror do cancro…
¡Puf! Malo. Os ianquis puxéronse serios e fixeron fumar na rúa á xente, coma apestados. Despois viñeron os escandinavos metendo os fumadores en cabinas con extractor. E comezaron os preitos contra as tabaqueiras.
Malo, o do tabaquismo, que mesmo é doenza psíquica:
Este día veume ver un señor, a quen coñecera na Alemaña delgado e correcto. Sorprendeume velo gordo e, en certo modo, impertinente.
Non tardou en desculparse pola suor que lle corría testa abaixo e polo pescozo. Abrinlle a fiestra e observeino.
Falamos dos nosos negocios e eu non daba crido o que observaba. ¿Era a mesma persoa? ¿Como se achegaba tanto á hostilidade cando tentaba vender a quen o escoitaba cordialmente?
Non era el: deixara de fumar –confesou– dous paquetes ao día.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 23/11/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*