Fume e peixe (A voapluma, Diario de Ferrol, 22/11/2001)

Un día máis escoito a Radio Galega pola mañá. O Xusto López Carril dálle un toque ao “non” da Academia e lembro a recomendación do Fausto Galdo: non tratar cousas do idioma, que me poñen mal estómago. Despois, o Xusto fala co Henrique López Veiga e gústame ben oílos.
Con todo, non me dou librado da galegada idiomática e digo para min: o Celso Currás está ledo porque lle botaron a cortina de fume. Ficou oculto o desastre do ensino (do Galego, do Castelán, do Inglés, das Matemáticas, da Física…). E por conta da normativa todos os avestruces sagrados adían uns meses máis o inadiable: a relación “consanguínea” (cito a Blanco-Amor) co portugués…
Cando isto se publique, de novo estarei con xente que defende a súa lingua como sinal de identidade. Andarei entre noruegueses, que coñecen o valor da innovación tecnolóxica.
Falaba –en bo galego– o López Veiga dos recursos do mar e das rías, de posibles solucións cando os caladoiros se esgotan e un conselleiro de pesca non sabe facer milagres.
Do mar virán peixes pescados e das rías, cultivados.
Non podo tirar do recordo os fiordes cheos de gaiolas nas que engordan os salmóns.
Como tampouco me pasa a inventiva dos herdeiros da raza viquinga: chegan a somerxer a electrónica para aforraren. Inventaron uns sistemas que identifican os peixes de engorde e as boliñas do penso, de maneira que só sae do alimentador para a auga a cantidade delas que os salmóns apañan.
A xusta para que nada vaia ao fondo.
Así (e falando noruegués) o seu país segue a flote.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 22/11/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*