Suma e segue (A voapluma, Diario de Ferrol, 20/11/2001)

Era día de nordés persistente e víase un aviso de inverno desde o que foi Mestranza e hoxe é Rectorado na Coruña.
Frío fóra e calor no paraninfo, cheo de caras mozas, se cadra esperanzadas malia a insistencia dos medios de comunicación, a pesar das conversas de todos os días.
Xornalistas e compañeiros estudiantes veñen coincidir no mesmo: en España non se investiga, non se aplican os coñecementos á industria, non se innova nas empresas existentes, non xorden iniciativas innovadoras.
E en Galicia aínda peor…
Pero aqueles rostros xuvenís mantivéronse firmes ata que a fame os venceu. Oíron discursos ata as dúas da tarde. Chegaron a escoitar como Miguel Castrillón, representante da confederación de empresarios da Coruña, citaba a Unamuno ao seu xeito (“que inventen outros”) e como Ramón Vázquez, xerente da fundación da Universidade, que nos convocaba, comentaba o contexto en que o suposto filósofo españolista situara a frase orixinal.
Aturaron os rapaces e aguantamos nós os vellos, culpables de termos herdado as incapacidades dos nosos maiores, que se limitaban a comprar patentes.
Despois, á tarde, fun tratar asuntos do centro de transferencia de coñecementos prácticos no que traballo. O mar tamén se enrugaba en Riazor. E falamos de telecomunicacións mariñas.
O meu interlocutor saía de examinar a tese dunha exalumna miña. Díxome que a rapaza marcha para os Estados Unidos, a dar clase e a investigar porque “aquí non ten sitio”…
O Tío Sam débelle algo a unha facultade coruñesa.
Suma e segue.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 20/11/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*