Sotavento (A voapluma, Diario de Ferrol, 19/11/2001)

Quero agradecer a un amigo de vellos tempos (de cando ambos estabamos delgadiños e sen canas) o convite a participar nunha das xornadas de exposición e debate máis interesantes que vivín.
Xoán Caamaño, agora a mandar no planeamento das enerxías de Galicia, convidoume ao parque eólico experimental de Sotavento, xunto con outros moitos entusiastas do aproveitamento da enerxía eólica.
Alá fomos, ata as alturas agrestes e limpas onde o Impaís se enruga para separar a placidez chairega da braveza cantábrica, non lonxe da central térmica de As Pontes a facer contrapunto de fume e vapor…
Alén do termo mariñeiro, “sotavento” quere dicir (consúltese o Gran Xerais, por exemplo) “a contravento”, a un ten a sensación de levar anos a vivir dese xeito, que tamén poderiamos cualificar de “a contrafío”. A algún ese empeño de converter o aire en movemento nunha enerxía sempre renovada e aproveitable custoulle mesmo a ruína e o embargo.
Pero seguimos, aceptando que —como din os ianquis— “aos pioneiros sempre os matan os indios”. E damos por boa a ruín fortuna persoal cando vemos realizacións dignas de país avanzado nas alturas de Momán.
Estean os galegos —acomplexados do seu atraso— ben orgullosos do que o seu goberno conseguiu: que diferentes empresas instalasen en territorio da comunidade diversos aeroxeradores en experimentación.
Iso representa unha aposta de futuro para a enerxía alternativa de mellor relación entre investimento e producción nesta esquina verde (e ventosa) da Península Ibérica.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/11/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*