Nacionalistas (A voapluma, Diario de Ferrol, 18/11/2001)

Continuando co acontecemento que narraba onte, a presentación do libro vínico do Xosé Posada, vou relatar unha escena propia deste impaís no que gozamos de envexable paz social.
Após do acto, e a catarmos un viño alemán non moi afortunado, o Fausto Galdo fixo un comentario sobre o semanario A Nosa Terra ao Cesáreo Sánchez, poeta de trazo limpo e penetrante, responsable da editorial nacionalista.
O comentario entre copas foi rolando e, xa andaba polos moitos votos en branco de castigo ao BNG, cando me permitín a insolencia de lle dicir ao amigo Cesáreo o que moitos pensamos: que a culpa do que aconteceu o 21 de outubro pasado é dos nacionalistas, por non teren fillos dabondo.
O nacionalismo galego é esquerdoso, e os rojos foron os primeiros en España a se rebelaren contra as normas emanadas da Santa Madre (non Mai, que sei o que escribo) Igrexa Católica Romana. Por moito que Deus mandase ter cantos fillos natura der, eles facían compras naquelas “casas de gomas” que merecen novela de picardías.
Despois veu a pílula, e o DIU, e a vasectomía nihilista…
A culpa é deles porque non seguen as pautas dos nacionalistas irlandeses ou quebequeses, que lles viraron o pulso aos anglos a forza de fillos.
O BNG nunca chegará a mandar en Galicia por falta de rapaces que sumen votos para o cambio. E, como os do PSOE tamén son rojos (fóra o Velázquez), nin sequera terán pobo para a coalición:
Fágase a enquisa e verase que na esquerda mandan solteiróns, pais de “o neno” ou, como moito, de “a parelliña”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 18/11/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*