Co viño (A voapluma, Diario de Ferrol, 17/11/2001)

Comprometinme a parolar na escola de idiomas de Ferrol e alá fun: falei mal de escritores e definín a técnica (na que non creo) de facer novelas, xogando cos datos e os metadatos ata conseguir a economía da narración: nin páxinas de máis nin páxinas de menos.
Escoitaron tanta impertinencia profesores e alumnos de galego (manda diglosia —observe don Celso Currás— que cumpra ensinar o idioma patrimonial xunto coas falas estranxeiras) e, á fin da parola, entregáronme un presente.
Era pesado e temín un estupor de figura de Sargadelos (tan falta de orixinalidade como agasallo) pero fun descubrir tres espléndidos productos das adegas deste impaís dos meus descendentes.
Gracias…
Compromentínme a falar na presentación de Metafísica del vino e fíxeno con todo o cariño que lle poida ter a Xosé Posada, secretario da benéfica Irmandade dos Vinhos Galegos.
Nas alturas maiores de El Corte Inglés coruñés sentamos entre amigos o Manuel María, o doutor (de verdade) Fausto Galdo, o autor e quen isto escribe.
Falei da personalidade poliédrica e admirable dun enxeñeiro industrial que tanto fai marron glacé como descobre o autor dos poemas galegos de Lorca.
Falou o Fausto dun libro ordenado, ben ilustrado, feito para reler (ollo ao detalle) e o Posada contou a xénese da obra.
Dous puntos do seu discurso: a proposta do verbo “cunqueirar” en referencia á capacidade fabulatoria de don Álvaro eterno; e, sobre os galegos, que “non son desconfiados senón indeterminados coma os rusos”.
En fin: bendito sexa o viño.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/11/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*