Sucesións (A voapluma, Diario de Ferrol, 16/11/2001)

Fun convidado polo almirante do Arsenal de Ferrol, Ángel Tajuelo, a xantar na súa residencia: casa nobre, agradable sorpresa de atención das mariñeiras ao servicio da casa e cortesía castrense, requintada e sobria ao tempo.
Falamos moito, pero uns treitos da conversa fixéronme particular impresión.
Un deles foi referente á figura do marqués de Sargadelos. A visión dun mariño que nos acompañaba, con moita investigación histórica ao lombo, veunos mostrar que aquel déspota ilustrado chegou a ter visións de negocio incribles na España do perpetuo atraso: mesmo construíu unha estrada de peaxe.
Outro correspondeu ás sucesións, tanto en termos familiares como profesionais. Iniciámolo sobre a tolería das prexubilacións que rompen a cadea do ensino entre mestres do choio e aprendices, e acabamos concluíndo que, dentro de pouco, non vai haber labradores, militares nin cregos.
O almirante contou o caso dunha familia de gandeiros e fabricantes de queixos con tres fillos, cada un dos cales tomara o camiño da vida citadina e, por tanto, o do abandono do que durante xeracións se asociara cos seus apelidos. Un dos rapaces escollera ser policía nacional e, ao ser interrogado a cerca de polo que non escollera o servicio na garda civil, respondeu: “porque a nacional non ten nada de militar”.
Concluímos que hai unha crise social que leva a evitar profesións; e eu saín a imaxinar vacas munxidas por robots e mesmo robots a facer a guerra.
O que non dou imaxinado é un autómata a dicir misa e botar responsos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 16/11/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*