Acción! (A voapluma, Diario de Ferrol, 15/11/2001)

O día de San Martiño foi domingo de luz e vento fresco, especial para o Mario e para min; xornada de moito traballo para o Anxo Fernández e a compañía de cine que anda con el:
Tiñan que gravar unha parte da curtametraxe titulada Xa —e precisaban dun tipo vellote que fixese de gardabosques montado a cabalo.
Na Penouqueira de Arteixo armaran os trebellos: reflectores, difusores, micro con pértega, cámara de alta definición e monitor. Cadaquén coñecía a súa tarefa. Caras mozas indicaban moita ilusión ao andaren naquelas rochas agrestes.
A escena a gravar (e digo ben, porque do soporte dixital pasará o producto ao celuloide) transcorría a pé dunha cova. Ata ela chegaban dous rapaces, que ficaban á entrada. Con eles xuntábase o garda e falaban de rapelar e dunha londra comedora de caranguexos de río.
Maquilláronme. Lin o papel, memoriceino e púxenme a ensaiar co Mario (cabalo manso e cumpridor que Breogán Felípez escollera para actuarmos)…
Nunca pensei que no cine se repetisen as tomas tantas veces ao berro de “¡Acción!” do director.
Coido que o cuadrúpede non se debía cansar de baixar polo monte e entregarse, paciente, ás mans do Alex, rapaz que termaba das rédeas en canto o garda lles ofrecía amoras a el e ao Adri, seu irmán.
Só houbo que facer un cambio importante no guión: o Alex tería que sacar a mochila chea de ramallos cheirosos.
Porque o Mario non resistía a tentación de roer neles…
En fin, pena que non fale o meu compañeiro.
Pero eu gocei moitísimo, e devezo por ver o resultado.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 15/11/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*