A Corea (A voapluma, Diario de Ferrol, 14/11/2001)

Veño de atender visitantes noruegueses a Ferrol. Tivemos sesión de traballo na que se falou a vulgar lingua franca dos negocios. Pero os que nos visitaron sumaban unha chea de idiomas e fixéronme lembrar o que escribín hai pouco: a todo hai quen gañe.
No de imitar falas.
E no de viaxar…
De viaxar para vender escribo hoxe cun nome por diante: Ramón Bermúdez de Castro e Olavide, que manda pór nos cartóns de presentación só Ramón Bermúdez, para que non lle chamen “Mister (ou monsieur) Olavide”, polo último apelido.
Hai días celebramos a festa que chaman Noite das Telecomunicacións de Galicia e fixemos nomeamentos: “socio de honra” da nosa asociación de enxeñeiros a Pablo Egerique, polo labor do Consorcio da Zona Franca de Vigo, que el preside, a prol da implantación social das tecnoloxías da comunicación e da información; “enxeñeiro do ano” ao Bermúdez.
Cadroume facer a presentación deste colega homenaxeado e emocioneime. Recordei como nos atopamos, nunha cafetería madrileña (onde tantas veces me encontrara co Andrés do Barro), e a súa teima por vir para Galicia.
Alí comezou todo. Veuse. Converteuse en vendedor de alto nivel en Hispano Electrónica, en técnico que entendía a fondo as características do que o cliente necesitaba e do producto que el ofrecía.
Pasaron moitos anos desde que o Ramón entrou a traballar en Televés e se botou a viaxar polo mundo.
Cando nos despedimos na pasada noite, marcoume o seu próximo destino: Corea, a vender transmoduladores.
Tanta valentía ben paga a homenaxe.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 14/11/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*