Na Exponor (A voapluma, Diario de Ferrol, 13/11/2001)

Innovar é o verbo. Remata o encerro da Póvoa de Varzim e despedímonos os partícipes na Exponor, no Porto, nun xantar de amizade que vai continuar nunha visita á magna exposición sobre o mesmo —redundantemente— negocio de innovar.
Innovar ou morrer…
Este Portugal que se anuncia en carteis e valos publicitarios en plena campaña electoral das “autarquías” non quere ser máis o país que Marcelo Caetano pregoaba poeticamente: sen nada que ver coa Europa, a penas “um sonho de caravelas”.
Non. En Portugal invéntase moito malia o que poidan facer os políticos. Se cadra, aprendeu da Italia xenial: inventar, producir e vender con goberno e sen goberno.
A Exponor está pesimamente sinalizada, e só unha alma boa é capaz de me pór no camiño.
Chego ao xantar, dou saúdos de despedida e pérdome pola exhibición. Chama a miña atención poderosamente a zona dedicada aos aos robots móbiles, fillos de mentes xuvenís, mostra de canta intelixencia inferior se pode engadir nos trebellos que, de algún xeito, nos vaian facer a vida máis doada.
Encóntrome cos colegas do INEGI e do INESC, cos que recentemente me atopara en Venecia facendo rede de comunicacións persoais, tea de araña de coñecementos.
Falamos dos seus proxectos e dos que está a desenvolver o centro para o que eu traballo. A invención é coma unha fervenza, que se precipitase sen couto.
E hai sintonía entre nós. Jorge Pinho de Sousa tenme un agasallo: Os galegos e outras histórias, do caricaturista Bordalo Pinheiro, libro importante, do que falaremos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 13/11/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*