No casino (A voapluma, Diario de Ferrol, 12/11/2001)

Escribín que Portugal é un país monolingüe. Mais non é certo: ten a peculiaridade lingüística do mirandés. Agora, nese enclave duriense da Miranda, mesmo teñen unha emisora de radio a difundir a súa “lhengua”.
No entanto, no encerro paneuropeo da Póvoa, seguimos a imitar o inglés para mal de traductores simultáneos, que van ficar sen choio.
Os polacos observan o resto con envexa, e cunha teima: seren coma nós. Os portugueses coméntanme o que todos sabemos: do Leste van vir duros competidores, saídos de embaixo da bota rusa e dispostos a inventaren e fabricaren de todo.
Asombra o nivel de teoría e de práctica que atinxiron escandinavos e alemáns na observación de avances tecnolóxicos, previsión de tendencias na aplicación de novas técnicas e selección das que lles conveñen ás empresas para se manteren vivas, sempre innovando…
E á noite, para facer máis densa a camaradaxe entre xentes de toda a Europa, a organización lévanos ao casino.
Séntannos a mesas elevadas, desde as que poderemos ver un espectáculo báquico, orxiástico, de promoción do viño do Porto.
Ceamos e ollamos bailarinas capaces de excitaren mesmo os varóns dunha excursión da terceira idade que lles aplaude: corpos seminús sen costuras de operación, como as que se notan no Folies parisino ou en Las Vegas.
“As meninas são dos países do Leste”, advirte unha colega nosa.
Serán porque, cando veñen servir Porto polas mesas, non saben responder picardías en portugués:
Velaí novos campos de competencia profesional na Unión ampliada.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 12/11/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*