Irmandados (A voapluma, Diario de Ferrol, 11/11/2001)

Aquí, na Póvoa de Varzim, vense entrar os temporais. E desde o máis alto do hotel, aínda mellor. Os colegas do norte da Europa están tristes porque se lles arruína o turismo que pesaban facer.
Desta volta non fomos encerrados nun convento, como hai semanas en Venecia, senón nun complexo hoteleiro moderno; pero seguimos a falar do mesmo, do “espírito de Lisboa”, o que saíu daquela xuntanza de ministros europeos: no 2010 a Unión ten que chegar ao primeiro posto das economías mundiais baseadas na xestión do coñecemento.
Como en Venecia, só hai un idioma de intelección entre os reunidos: o inglés. Gusta oírllelo aos que o teñen por fala materna, marabilla como o imitan os suecos; envergoña escoitárllelo aos españois…
Falamos de tecnoloxía e de innovación. A innovación converteuse en relixión e, para algún dos predicadores que nos acompaña, diríase que é paixón. Mesmo temos unha moza italiana que parece a Monxa Alférez por como se expresa a favor das PEMEs, esas empresas pequenas e medianas polas que di loitar na rexión veneciana.
Un grego, da Macedonia, leva as cousas a puntos que obrigan a mudar de conversa (“¡Macedonia non hai máis que unha!”, advirte erguendo o dedo). Tanto este grego como un sueco, un alemán e un irlandés concordan en que as empresas menores non queren pagar polos servicios dos centros tecnolóxicos…
Consola o mal de moitos: ollámonos irmandados.
Irmandados no idioma de piratescos gentlemen que usamos.
E na moeda que todos os europeos –menos eses piratas finos– imos usar.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 11/11/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*