Medo aos apelidos (A voo de tecla, 28/07/2008)

Nun intre de manifestos sobre linguas, chama a atención o nulo avance cara á normalización dos apelidos galegos. Todo o mundo en Galicia se esforza por pronunciar Pujol polo menos como Puyol, mais na RG e na TVG (que teñen funcións normalizadoras) pronuncian Rajoy como “Rakhoi”, con forte “jota” castelá. En canto Outeiro, Seixo ou Ameixeiras —por exemplo— se mostran correctamente na toponimia, Otero, Seijo ou Ameijeiras seguen nos nomes de familias mesmo galego-conscientes. La Voz de Galicia, inmenso arquivo de datos socio-lingüísticos, ofrece nas mortuorias casos en que o defunto aparece —de novo por exemplo— como Dorado de apelido e Dourado no alcume; ou Mosquera de apelido e Mosqueira no alcume.
Mantéñense erros gráficos como Bello por Vello, Rivas por Ribas, Bao por Vao, Vieites por Bieitez; conviven Romeu con Romero, Mañá con Mañana, Dorrio e Del Río (que foran Do Río), Davila e Dávila (castelanización, de Da Vila a d’Ávila), Vilanova con Villanueva, Vilares con Villares… A riqueza toponímica do país ten reflexo na dos nomes de familia. Os apelidos patronímicos, de oficio ou condición son resumo da cultura que resistiu, e fonte de infinitas curiosidades (por exemplo, ¿por que unhas familias se chaman Doce e outras Salgado?).
Parece sospeitoso que non xurda ningún estudo esclarecedor, sistemático, dos apelidos galegos. Diríase que hai medo a enfrontar a realidade máis profunda, contra a que nada poden Galicia Bilingüe e os seus compañeiros de baño no Leteo dos Idiomas.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 28/07/2008]

Share