O Land Rover (A voapluma, Diario de Ferrol, 10/11/2001)

Escribo desde un país feliz, mononacional e monolingüe. Feliz tribo a dos portugueses. A vida tráxica de España non os afecta.
Estou na patria profunda de José Maria Eça de Queiroz, a Póvoa de Varzim, que mellorou espectacularmente. Vin pola costa. A estrada desde desde Valença a Viana non é o que foi. Desde Viana ao Porto corre unha autovía que seica se vai prolongar para o norte, ata a ponte que (traizoando conceptos de nación-estado) supera o Miño.
Oín a radio e non escoitei unha soa palabra a cerca de coches-bomba e tiros na caluga a maxistrados. Aquí pelexan no parlamento, e por vulgaridades: os orzamentos, o crecemento económico e a inflación. Fixeron unha enquisa: ¿que pasaría se en Portugal chegasen a gobernar os talibán? Que remataría a invasión das praias: as mulleres á sombra e os homes ao sol…
Un amigo portugalego (galiciano do sur), que veraneaba en Sanxenxo e imitaba o castelán sospeitosamente ben, repetíame que, cando había traxedia na Historia das Hespañas, había vascos. Quizais. El xa se foi para o País sen Retorno e non podemos tratar o caso.
Pero, segundo pasan os días, no ronsel do último (¿nunca derradeiro?) asasinato penso que os asasinos teñen mal perder.
Outro amigo, galiciano do norte, retornado do País Vasco, vivo e activo, agoiraba horrores en Bilbao logo de que en Madrid detivesen dous poñedores de bombas.
Acertou: mataron un xuíz porque o pobo se lles revolveu, e mesmo fixo funcións de policía nun Land Rover branco.
E seguirán a matar.
Nun círculo tráxico.
¿Só vasco?

[Diario de Ferrol, A voapluma, 10/11/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*