Chicos (A voapluma, Diario de Ferrol, 09/11/2001)

Fomos xantar a un restaurante de sona, convidados polo máis “senior” de todos nós. Sentamos á mesa, ollamos o menú e esperamos a que nos atendesen.
Veu unha mociña miúda, de ollo experto, grácil no se mover, que se dirixiu a nós de maneira chocante: “Hola, chicos, ¿qué quereis comer?”
Oído isto, cadaquén de nós interpretou a impertinencia segundo o seu humor. Uns pensamos que a rapaza era unha deslinguada e outros agradeceron que os considerase “colegas”. Alguén ata chegou a lle advertir con sorna á camareira que eses non eran modos.
Pero ela seguiu na mesma, a falar un pésimo castelán (preguntaba “¿lo qué?” en vez de “¿el qué?”) e a imitar acento madrileñata: seguramente porque haberá algunha serie de televisión americana en que unha moza de restaurante se dirixe ao sheriff e aos principais da vila chamándolles “guys”.
A mellor tradución dese termo sería “tíos” en castelán (ou “nachos” en ferrolán) pero o responsable da dobraxe optaría por “chicos” -e iso aínda se lles pode chamar a clientes canosos e engravatados…
O caso é que a transculturación televisiva nos leva a límites do absurdo. A se ver como nos ía tratar a moza a cada un dos clientes desa mesa se nos viñese pedir traballo: de “don” e “vostede”, ¿ou non?
Nin “chico” nin “Vossa Excelência”, como certa vez me chamaron na Feira Popular de Lisboa mentres me servían sardiñas.
Nin o descaro de modos ianquis (e pailáns, porque alá chaman de “sir” ao cliente nos bos restaurantes) nin os requilorios dezaoitescos de Portugal.
¿Vale?

[Diario de Ferrol, A voapluma, 09/11/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*