Neuronas (A voapluma, Diario de Ferrol, 08/11/2001)

Familiares e amigos viñeron á miña casa, e produciuse unha división por sexos.
Mentres o xineceo se concentraba nun absorbente programa de televisión, o androceo deu en cear e conversar sobre a intelixencia artificial.
Xa eu pasara o día a falar de xestión do coñecemento e aportei á cea a idea de que iso está moi ben pero non me queda claro —salvo o que discorrera no despacho coa Lourdes Bouzón, moza e ideas claras: o coñecemento débese administrar nas sínteses coas que nos expresamos. A economía dun relatorio (novela ou filme, por exemplo) está en acertar co tamaño xusto e necesario. Nin máis nin menos.
A Lourdes mudou “economía” por “ergonomía”…
Entre os partícipes da cea na miña casa estivo o Roi Blanco, informático (“fillo de peixe, peixiño”, como din os brasileiros, porque é primoxénito do profesor Antonio Blanco).
O rapaz anda no choio da intelixencia artificial e, desde dentro del, foi capaz de avaliar o que se fai con coñecer e aplicar o coñecemento no dominio das máquinas lóxicas: dixo que a determinadas cousas se lles dan nomes moi aparentes, pero que, por tras delas, non hai máis que pobre imitación das neuronas.
E, cando andabamos nesas transcendencias, a (miña neta) Irene escapou ao control da mai e veu trepar ao colo do pai. Con catro palabras manifestouse: “dáme”, “avé” (a ver), “má” (máis) e “acabou”. Esquematicamente, coma un robot, limpara os restos do prato do seu proxenitor.
Mais fixérao con acenos de mans e chiscos de ollos que nunca unha máquina poderá imitar.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 08/11/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*