Pachacama (A voapluma, Diario de Ferrol, 07/11/2001)

Insisto no que anuncio aos foráneos: en Galicia hai dúas estacións, a do ferrocarril e outra.
Na ponte dos Santos esa outra foi o veranciño que leva a tempos de noite fría, propios de pór o porco morto a serenar.
Na última xornada da ponte deime ao pracer de cabalgar. Seguín a Waldo Felípez, mestre de xinetes campeiros, polos verdores do val de Loureda. Foi excursión breve e “ao seco”, no dicir do mestre, porque non dedicamos tempo a mollarmos a palleta cun viño acompañante de callos ou fabada.
Con todo, gocei dunha brevidade luminosa, e da dozura tenra dos últimos figos. Fiquei após da ringleira de excursionistas aleccionados polo Waldo. E parei onde me petou para lles facer a competencia aos paxariños larpeiros.
Entre figueira e figueira, cavilei. Con esa paixón con que na mente se me repiten as paisaxes únicas da nosa América, revín o Altiplano, os ermos elevadísimos onde vive na súa orde un pobo pacífico e económico.
Vin os seus rostros curtidos, de cobre escuro; a súa pobreza digna; o esforzo por vivir mesturando coca e cinza, insalivando o acullico, o bolo que leva ata o sangue os efectos benéficos da droga.
Recordei a súa imaxe da mala colleita: a parella copulando en postura de evitar a procreación.
E pregunteime se todo o capital que os ianquis están a rebentar contra o chan áspero do Afganistán non tería mellor emprego ensinando a aquelas tribos as leccións da cultura que se forxou arredor do Inkañán, o Camiño do Inca:
Pachacama (o Creador dos kollas) éme máis simpático ca Alá.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 07/11/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*