Deus só fala castelán (A voo de tecla, 19/06/2008)

A palabra de Deus é tan vella coma a máis antiga das tres relixións monoteístas dos españois desde que España era Hispania. Deus falou aos españois en linguas distintas, como o hebreu, o latín, o visigodo, o mozárabe, o bérber, o árabe, o galego, o castelán, o catalán, o éuscaro…
Deus falou moito galego, ata a doma e castración do reino. Daquela comezou a falar en Galicia só castelán. Os cregos pregaban en castelán, ensinaban a rezar en castelán; pero confesaban na lingua da alma, en galego (e tamén en galego pedían cartos para o mantemento da Igrexa de Roma).
A perversidade lingüística chegou aos seminarios en forma de anel. Contan os ex-seminaristas que, ata hai décadas, entre eles corría un anel de material ruín. Ía pasando do último que dixera algo en galego ao próximo cachado no descoido de falar a súa lingua natural. Dese xeito se predispuña os futuros sacerdotes a só se expresaren na lingua superior, a que Deus merecía escoitar entre incensos.
Quizais isto explique o que escribiu recentemente un crego de aldea con apelido castelán ou castelanizado (os filólogos –que calan de máis sobre os apelidos– dirán) moi común no país. O padre Iglesias deixouno claro: o galego é algo co que cómpre acabar.
Debe ser o peso do anel de castigo na súa conciencia o que lle fixo expresarse así e sería logo interesante coñecer a opinión de Galicia Bilingüe –e os seus compañeiros de teima– ao respecto do monolingüismo divino. Se cadra, eles tamén sufriron castigos de anel, ou semellantes.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 19/06/2008]

Share

2 Comments

  1. H.

    Querido Xavier:

    Creo que sabes que falo pouco con Deus, pero dende sempre que me dirixín a El, mesmo cando mandaba Franco, sempre me respondeu en galego. Agora si, entre os curas teño visto de todo.

    Unha aperta!!

Comments are closed.