31 anos (A voapluma, Diario de Ferrol, 06/11/2001)

Baixan os combustibles pero soben os seguros. As cousas de conducir complícanse cunha lei que non permite falar polo teléfono móbil como se precise de auricular: cómpre instalar un sistema de mans e orellas libres, carísimo e indiscreto —que impide manter conversas en privado se no coche veñen outros viaxeiros…
Todo isto ten moito de pago dos xustos por pecadores. Falando as cousas ao revés de como se introduciron, se un auricular impide oír os sons correspondentes á conducción, miren os lexisladores que diaño escoitan os rapaces a conduciren coa música dos altofalantes a todo volume. Coas ventás pechadas non hai policía que detecte o barullo. Como tampouco vai haber sabuxo da estrada que descubra a quen use auricular telefónico e leve o cabelo longo dabondo como para ocultalo.
E o dos seguros é demencial. Non para de haber accidentes por culpa de tanto mozo que debía facer a mili e gastar enerxías en manobras con fogo real pero, que, a falta de guerra ou simulacro, decide conducir coma un tolo. Por culpa de adultos que disimulan a diaria bebedeira, aínda máis; e por causa de tantos vehículos sen papeis na estrada a provocaren desastres…, velaí como pagan os cumpridores.
Desde estas liñas pregunto ao paciente lector como se arranxa para pagar a póliza —case duplicada— do automóbil familiar que lle conduzan fillos menores de ¡31 anos!
Pais nesas condicións, como quen isto escribe, pero expertos en seguros, non saben dar solución ao problema —salvo reprimir a quen xera tanta desorde.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 06/11/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*