En patacóns (A voapluma, Diario de Ferrol, 05/11/2001)

Na Coruña hai un restaurante que mata esplendidamente saudades de comida arxentina. E, curiosamente, nel traballa unha persoa cubana que —confesa—, cada vez que serve un bo “bife de chorizo”, lembra toda a súa familia na Habana, que ten prohibida a “carne de res”.
Ben, pois, cada vez que repaso contas europeas e penso no euro que vai chegando, lémbrome das moitas persoas que quero —e me queren— na Arxentina.
Por se non o saben os lectores destas columniñas, na provincia de Buenos Aires os funcionarios reciben en patacóns todo ou parte do soldo, dependendo do que cobren. E protestan deses papeliños provinciais, que non emite o banco da Nación, co medo —razoable— de que a súa paridade co peso (e, por tanto, co maldito dólar) non se manteña.
¿Que vai ser da Arxentina? ¿E que vai ser de nós? Porque cando Alfonsín lle entregou os poderes ao “turco” Ménem España non se metera alá ata o pescozo; pero a cobiza dos bancos, da Telefónica, de Repsol e demais atrevidos, fan que a bolsa de Buenos Aires arrastre a de Madrid e que, por tanto, os nosos fondos de pensións vallan cada día menos…
Alá aumenta o “riesgo país”, hai inundacións bíblicas segundo avanza a primavera austral, o meu corazón muda de ritmo ao lembrar a Quebrada de Humahuaca e o Glaciar Onelli, recordo unha señora de Tandil a pedir “una guerra civil como la española” para arranxar a Arxentina e desexo que moitos arxentinos pasen por Noruega, para veren como, se os cidadáns cumpren co fisco, os países ricos poden ser marabillosos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 05/11/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*