Admiración (A voapluma, Diario de Ferrol, 03/11/2001)

<

p align=”justify”>Sigo a ler xornais da miña ausencia e vexo que don Camilo non deixa de facer trangalladas. Escoito falar do pasado “politicamente miserable” do padronés e iso evócame a vida e obra doutro galardoado co Nobel a quen admiro por ter feito glorias de Literatura nunha lingua de minoría, a dun país que case sempre foi provincia doutros:
En Noruega é difícil falar de Knut Hamsun. O país oficial non lle quere. Seica o ignora desde que o sumiu na ruína económica á fin da segunda guerra mundial –porque non o puido sumir na ruína moral: o vello defendeuse cunha novela contra o fiscal do seu proceso por traizón á patria e contra os psiquiatras que o deron por demente senil…
Hai semanas falaba eu en Italia con xente moza que relataba a admiración dos avós pola “nova orde” en que Mussolini puxera as cousas. Hai días cadroume de asistir a unha cea entra dúas belísimas damas norueguesas, unha con netos e outra a devecer por eles.
Tomaron a conversa da ocupación alemana, dos nazis noruegueses, da colaboración; e, xa que logo, de Hamsun. Este xermanófilo tiña por Hitler a admiración dos avós dos italianos polo Duce. Os pais das señoras comensais tamén admiraban a orde da Alemaña hitleriana.
E eu non podo esquecer a admiración dos meus maiores pola orde que suporía Franco fronte ás desordes da República. Coñezo republicanos antifascistas que, sen embargo, admiraban os “vintenove puntos de José Antonio”.
En fin: cómpre ter en conta o momento histórico en que xenios e persoas correntes pensaron e sentiron.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/11/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*