Peixiño, peixe e gasóleo (A voo de tecla, 09/06/2008)

Mariñeiros do Golfo Ártabro chamaban Peixiño a un lugar da baía da Habana onde foran facer porto para pescaren no Golfo de México. Desde alí saían nos “viveros”, barcos cun tanque de auga ao que botaban o peixe seleccionado. Se algunha peza lles morría, salgábana; pero tentaban que todas chegasen vivas ao mercado da capital.
Os “viveros” andaban a vela, mais co tempo os donos fóronlles engadindo motor e hélice. Así, en estado mixto, motoveleiro, foi como os colleu a revolución castrista. E logo se produciu o desastre.
Os comisarios políticos mandaron cortar mastros para que as velas non desen “impresión de antigüidade”. Os patróns protestaron: o pano aforraba moito combustible e estabilizaba o navío.
Nin caso. E, aínda por cima, o peixe había vir morto, enterrado en xeo, metido en cámaras. Os galegos viron a ruína que se aveciñaba, e tristemente comprobaron o seu vaticinio…
Disque poucas máquinas hai menos eficientes có buque de pesca. Seica un sesenta por cento do combustible que embarca un pesqueiro de altura pérdese en forma de calor no aire e na auga. Os resultados económicos das mareas eran logo milagrosos, baseados nun prezo do gasóleo que algún día ía mandar o negocio a pique.
Van cincuenta anos de advertencias, pero nada se fixo. Se cadra, para comermos peixe cómpre ir cara atrás, ao método dos “viveros” (polo menos cun foque para apañaren vento). Ou empregar coñecementos modernos que a comodidade do combustible subvencionado mantivo ocultos ata o intre –actual– do amarre.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 09/06/2008]

Share