Stavanger (A voapluma, Diario de Ferrol, 30/10/2001)

<

p align=”justify”>A chuvia en Stavanger trae lembranzas de neve, pero nestas latitudes do Atlántico Norte non se pode pedir nada diferente a fins de outubro.
Din que o emblema da cidade debería ser o abrelatas. Toda ela viviu das latas de sardiñas. Mesmo ten un museo da sardiña. Mais un día esqueceu o peixe azul que todos amamos e pasou a un nivel cuántico superior do coñecemento tecnolóxico.
Chove, nos leiros cultívase o pouco que Noruega dá de agricultura. Nos herbais tristes en que aflora a rocha pacen vacas e ovellas ás ducias. Os centros de experimentación van presentando as súas ofertas de tecnoloxía madura para transferir. As empresas veñen demostrar que a ubicuidade é un feito cando se trata de inventar.
Nesta fin de mundo, de onde saían os vapores cara á América sen retorno, hoxe todo é descubrir solucións aos problemas que poñen o petróleo, o cultivo de peixes ou presentación da realidade virtual.
Impresiona a integración de técnicas telemáticas que moven as plataformas petrolíferas do Mar do Norte, cara ás que parten os helicópteros desde aquí. Sorprende o refinamento na observación de especies mariñas cultivables e, de novo, o que a telemática axuda nesa actividade. Marabilla a valentía dos exploradores dos multimedia: inventan aquí e levan a producción á Rusia, onde se pagan dez dólares á hora polo traballo dun cerebro ben educado.
Stavanger é poboación que soubo abandonar un negocio para seguir vivindo doutros. Por iso cumpríalle a Ferrol –e, se cadra, a toda Galicia– irmandarse con ela.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 30/10/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*