Raro silencio (A voapluma, Diario de Ferrol, 28/10/2001)

Se días atrás escribía estas notiñas desde Venecia, hoxe fágoo preto de Oslo. Europa é pequena: comparémola cos Estados Unidos –e xa non miremos para Rusia.
Por iso me estraña tanto que España, pequenísima, aínda se queira facer menor nunha loita intestina: a do centralismo madrileño contra o policentrismo europeo.
Atopei nun aeroporto un colega da facultade de Informática coruñesa, quen me fixo entender o espírito da nova lei de ordenación de universidades: “Queren centrar todo en Madrid”.
Seica, a partir de agora, os profesores hanse ter que avaliar en Madrid, o cal xa lle manda truco –pero a lei tamén marca condicións de carreira que van deixar sen bos profesores os centros especializados en novas tecnoloxías: un longo meritoriado mal pago impedirá que os titulados cos mellores expedientes e tendencias á investigación se resistan ás tentacións das empresas.
Outra historia será a das facultades “de Letras” coas súas bolsas de paro á porta…
Viaxeiro sen sorte, perdida a miña maleta en terra onde os comercios pechan cedo, agradecido a un colega noruegués que me empresta roupa interior, paso a facerme dúas preguntas:
Postos a centralizarmos en evitación de endogamias universitarias, ¿non conviría que os docentes fixesen as probas de avaliación en Bruxelas e en inglés?
Se quixermos cumprir as directivas da UE sobre a “sociedade da información”, ¿como conquistamos e fidelizamos profesores de telemática?
En fin: o silencio dos políticos eurorrexionalistas neste asunto non deixa de ser raro.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 28/10/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*