Robert Capa (A voapluma, Diario de Ferrol, 27/10/2001)

No dialecto triestino non se di “Miramare” senón “Miramar”. Cara ao castelo dese nome, costa adiante, en dirección ao solpor pasan rostros semellantes aos da Dalmacia veciña (no cemiterio de Santa Ana, as tumbas con foto ou busto marcan a mestura entre xentes de apelido austriaco, croata e esloveno).
Paga a pena o paseo ao castelo, clásico de Trieste.
E nesta ocasión aínda máis porque, pouco antes do edificio das postais hai unha sala de exposicións co máis significativo de Robert Capa: as súas series de fotos que producen un impacto tan rompedor coma as bombas –tantas bombas que na vida el sentiu rebentar…
España, China, Palestina, Italia, Francia, Indochina… Guerra e sufrimento. Parecería que quen captou a morte dinámica e branca do miliciano na fronte de Valencia só tivese vivido para semellantes horrores.
Na súa producción gráfica a penas hai un lapso de festa na París dos anos 50. E despois, a mina que o desfixo: a mostra remata coa súa derradeira foto no Vietnam francés.
Admirable o húngaro que se ocultaba con pseudónimo ianqui. Morreu como debía. Honra haxa en lugar como Trieste, cheo de monumentos a caídos en incontables guerras.
A exposición terá para cada visitante instantáneas de especial valor. Para min, nada coma as da crueldade dos pilotos franquistas na toma de Cataluña, que se cebaban nos civís a fuxiren cara ao Pireneo.
Desde este recanto italiano, o curioso é que tamaña covardía non fose obra de españois senón de expedicionarios de Mussolini.
Pero, señores, a guerra é así.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 27/10/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*