Das tumbas (A voapluma, Diario de Ferrol, 26/10/2001)

<

p align=”justify”>Nos esplendores de Trieste, onde gobernou aquel arquiduque Maximiliano de Austria fusilado en México por querer ser emperador, viviron de esmolas imperiais os carlistas que tiñan as propiedades confiscadas en España.
Foron austeros e moi devotos. Na tumba catedralicia de “Carolus V, Hispaniarum (sic) Rex” decláraselle “in prosperis modestus, in adversis constans, pietate autem insignis”. A súa muller, Teresa de Bragança, foi modelo de beata. Quizais por iso os funerais de ambos serían de grande pompa –como testemuñan os gravados– e inacabables as misas polas súas almiñas…
Ao séquito de “i Reali” carlistas pertenceron fidelísimas personalidades aloxadas no “palazzo” de Lazzaretto Vecchio.
Entre elas salienta don Francisco de Cardona y Almagro, galeno ao que corresponderon graves deberes, como o de non poder salvar de febres fulminantes varios herdeiros da coroa tradicionalista, e o de embalsamar rexios cadáveres.
Hoxe os restos de don Francisco comparten xacigo cos doutros cortesáns carlistas no “cemitero de Sant’Anna”, baixo flores de plástico descoridas, rodeados de túmulos xermánicos e eslavos con gatos gardiáns. A inscripción da lousa titula a don Francisco –en italiano– de “Archiatra Reale”.
Este doutor foi o pai de María Carolina de Cardona, bisavoa de Elena Carolina Baillie, natural de Buenos Aires e actualmente veciña da Coruña.
Entre aquela dama da corte ilusa e Andrew Baillie, oficial da Royal Navy, houbo amor e matrimonio, e vida na Arxentina… que darían para romántica novela.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 26/10/2001]

Share

Deixar unha resposta