Carlistas (A voapluma, Diario de Ferrol, 25/10/2001)

<

p align=”justify”>Trieste é cidade de gatos e de estranxeiros: logo chama a atención a cantidade de felinos que se aniñan nos colos das donas de casa, ou que gozan o sol pálido sobre capós de coches con matrícula eslovena ou croata –bichos domésticos que tamén se descubrirán sobre tumbas con nomes austriacos e desoutras nacións que foron de común imperio.
Escóitase dialecto italiano xunto coas falas raras dos veciños, berros nun barateiro en que as mulleres disputan mercadorías para venderen alén da alfándega, nos seus países desexosos de entraren na Unión Europea…
A alfándega está ao leste da cidade; e, indo cara alá, pódese pasar pola Via Lazzaretto Vecchio, na que se suceden casas nobres, semellantes: tres andares, fiestras altas, varias portas e balcón no segundo piso.
Unha delas –número 24 da rúa– é chamada “palazzo dei Reali di Espagna in esilio”, e debería ter dereito a que as súas paredes falasen…
Por veces molesta ser español, herdeiro dunha Historia indixente: a mala administración e a incultura, realimentadas, fixeron de España un monicreque das potencias europeas.
Velaí que o paciño do Lazzaretto Vecchio triestino fose por vontade estranxeira o espacio restricto de pretendentes revoltosos. E que a catedral de San Giusto pareza un Escorial de esperpento:
Nela están enterrados Carlos V, Carlos VI, Juan III e Carlos VII, mulleres e parentes.
Polas costas durísimas da cidade vella foron subindo os seus cadaleitos desde o Lazzareto costeiro.
Na capela de San Carlos Borromeo xace o carlismo histórico.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 25/10/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*