En Trieste (A voapluma, Diario de Ferrol, 24/10/2001)

Trieste é cidade que soa pouco nos nosos confíns occidentais europeos. Mais, como di a propaganda do “comune” (concello) triestino, é “il cuore della nouva Europa”.
Ollando mapas, vese como o golfo en que se asentan estaleiros capaces de facer competencia aos de Ferrol ten costa de Eslovenia e de Croacia. Aínda máis, á Italia só pertence unha faixa estreita da beiramar. Tras dos montes costeiros, durante moitos quilómetros na viaxe desde Venecia todo é territorio esloveno.
Facendo medición simple, a fronteira italo-austriaca fica máis preto de Trieste que a illa de San Marcos…
Trieste é un descanso para os sentidos do viaxeiro proveniente de Venecia. Pasada a ponte que xunta a illa á terra firme, a vista dá nunha paisaxe cha, ampla, verde. Despois séntese a elevación por zona montañosa, de fraga na que predominan as caducifolias.
E, cando se chega á cidade que foi base da flota do imperio austro-húngaro, pódense encher os pulmóns sen recato: por avenidas amplas, en prazas harmoniosas, cheira limpamente a salitre. O Adriático aquí non é unha lagoa senón un mar señorial, con ondas e grandes buques.
Da cidade romana fican vestixios, como o teatro e o foro, este xa nunha altura que agora coroan castelo e catedral, ambos nomeados “di San Giusto”. Naquelas alturas apiñouse a cidade medieval. Mais a moderna, cos seus edificios vastos e regulares a faceren conxunto, espallouse pola costa.
Ese conxunto urbano, que os mariños recordan, garda misterios que os historiadores españois non tratan.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 24/10/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*