Aplausos (A voapluma, Diario de Ferrol, 23/10/2001)

Venecia fai lembrar a Habana. Nestas dúas cidades singularísimas cómpre soñar cunha fada que, coa súa variña máxica, arranxase todas as fachadas, lavase a cara dos edificios…
O outono móstrase na néboa que que fai máis tristes os canais. No sur da Italia –di a RAI– peta o Siroco e as calores son máximas. Tan diferente o tempo na rexións, sen embargo todo o país vive o escándalo da mai que afogou o fillo autista, e a preocupación pola guerra en Asia.
Italia, grande país europeo, fica fóra dos tratos na emerxencia mundial. Os xefes da Gran Bretaña, Francia e Alemaña non contaron co Berlusconi para trataren do que se coce en Washington.
Pero a nosa vida de congresistas segue nas salas solemnes do convento. Henriqueta Nóvoa, profesora portuense de apelido tan galego, presenta un sistema de comercio electrónico especial para as empresas de construcción. É unha das mulleres que fan minoría (un cuarto dos asistentes) mais que representan a distancia abismal entre a civilización do “Occidente” e a do “Oriente” que se agarra ao pasado.
Tamén é muller Rosalie Zobel, máxima representante da Comisión Europea no “e-2001”, quen nos lembra a “estratexia de Lisboa”: facer de Europa no 2010 a máis poderosa das economías mundiais baseadas no coñecemento.
Para iso –segue– prepárase un novo programa marco con 16.000 millóns de euros en axudas aos innovadores.
A seguir, a Zobel dá a coñecer o gañador do premio á mellor comunicación do congreso.
É unha enxeñeira húngara.
Todas as colegas aplauden ardentemente.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 23/10/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*