e-wine (A voapluma, Diario de Ferrol, 22/10/2001)

<

p align=”justify”>O tempo no Adriático mantense con sol, a través don toldo finísimo de brétema. O ceo, desde o claustro do noso encerro, vese palidamente azul. E seguen as sesións: trinta e dúas cada día. A miña colega Ana Fernández Fraga reparte comigo o choio de atendermos ao que máis interesa para a intitución que nos paga a nómina. Os amigos portugueses axudan no traballo de peneirarmos tanta idea.
Pero á hora do xantar escapamos. Téntanos a praza de San Marcos, a beleza irregular da catedral e a harmonía do palazzo ducale.
Venecia ten tres pragas: mosquitos, pombas en San Marcos e xaponeses que se retratan coas pombas. As augas, arrañadas por unha brisa lixeira, fan abanear góndolas e tentan metersa cara á praza. Espero que os meus netos cheguen a ver aínda tanto logro arquitectónico sen necesidade de escafandra…
O día é cansador. As exposicións técnicas veñen coincidir en que todo o barullo sobre a Internet é só iso. Un profesor italiano di cousas claras: “O lixo electrónico non é máis que lixo”.
Tanta “e-stupidez” que venderon aos arruinados na bolsa debe ser reconducida. Jorge Pinho de Sousa, portugalego de Vilanova da Cerveira e profesor no Porto, pide que, alomenos, nos libremos do “e-wine”: nada de viño electrónico.
Aos poucos, estes centos de técnicos de toda Europa reunidos por vontade da Unión van inducindo os funcionarios de Bruxelas a que se poña orde na rede de redes.
Un consultor sueco dá a clave: xa hai dous mil anos, na biblioteca de Alexandría os documentos estaban clasificados.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 22/10/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*