e-2001 (A voapluma, Diario de Ferrol, 21/10/2001)

Venecia é unha tolería turística, Babel na que os xaponeses, pequerrechos, móvense en manadas, as rapaciñas tinxidas como se tentasen parecer europeas. Pero os congresistas pouco tempo temos para mirar a luz do sol sobre os canais cheirentos, patria de lexións de mosquitos.
Metéronnos nun convento con claustro e patio, onde nos dan solta entre sesión e sesión. Quen queira curiosear, poderá ver logo que o edificio, de pedra branca, ten entrada grande a un canal, como as casas nobres en terra firme tiñan entrada para carruaxes.
No refectorio desenvólvense as conferencias. Coidadosamente, as madeiras ocultan as pantallas de vidro líquido e os micrófonos para os intervinientes. Á porta fica inscrito en pedra un solemne SILENTIUM que os altoparlantes burlan a modiño.
Para todos os participantes no “e-2001” que patrocina a Unión Europea, o idioma oficial e único é o inglés –lingua herética en terras papistas, na que se fala de horrores propios de seren xulgados pola Santa Inquisición.
Un ianqui di sobre o comercio electrónico verdades fillas da experiencia, que se saben no Finis Terrae europeo. E engade frase de Machiavelli: “Cando se quere crear un novo sistema, os creadores axiña gañan a inimizade dos que se beneficiaban do antigo”…
Hoxe saímos en góndola, en compaña dos colegas portugueses. Xa na “calle” (como aquí chaman), ollamos prezos: un bolso, 1.000.000 liras.
Vingativas, as compañeiras soben á ponte de Rialto e alí compran aos negros bolsos de Prada falsos —para a nosa “cea de gala”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 21/10/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*