Antrax (A voapluma, Diario de Ferrol, 20/10/2001)

Innegable que Venecia é unha cidade de singularidades: nela as ambulancias, os vehículos de bombeiros e os taxis son lanchas.
Tampouco se pode pasar por alto que as góndolas paseen turistas como os coches de cabalos noutras urbes do mundo con belezas para degustar a modiño.
E non deixa de ter o seu de ridículo que os gondoleiros anden co móbil á orella mentres dan toques axeitados ao remo. Visto o avance das tecnoloxías que aquí nos convocan, supoño que haberá góndolas de distintos prezos segundo que o conductor de ociosos poida falar por teléfono en servicio, non poida facelo e, finalmente que, illado das modernidades telecomunicativas, cante toadas románticas polos canais de cor sospeitosa e preocupante cheirume.
Alén diso, Venecia vén abaixo nun senfín de edificios que se diría comidos polo antrax que ten o mundo a gañar pánico…
Ata aquí, na veciñanza do Oriente, chegan noticias do que está a acontecer nas Américas. Sábese que na Arxentina de tantos italianos (hoxe a retornaren) houbo unha votación de castigo para un partido que non dá quitado da miseria –económica e moral– o país. Tamén chegan as novas dos Estados Unidos onde o “antrace” (así soa en italiano) progresa selectivamente. O da Arxentina non parece preocupar, pero o “bioterrorismo” xorde de continuo nos medios de comunicación. O goberno pide calma.
E a pantasma da guerra envorca a súa sombra longa sobre un país de poucos guerreiros: soldados italianos van substituír as tropas ianquis na antiga Iugoslavia.
Por algo será.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 20/10/2001]

Share

Deixar unha resposta