Black Knight (A voapluma, Diario de Ferrol, 19/10/2001)

Nada hai para quen viaxa coma a sensación de non perder contacto coas xentes que lle queren. Por iso adoro as telecomunicacións.
Hoxe á mañá falei co Anxo Viña Castiñeiras, que anda a furar e furar nas telemáticas. Díxome algo interesante: o que diferencia os científicos dos enxeñeiros: aqueles propoñen problemas. Estes resólvenos.
Unhas das maiores marabillas da enxeñería é a que nos permite comunicar persoas e máquinas in itinere, a se moveren…
Máis tarde recibín a chamada do meu amigo moi metido en anos que recea de que a Igrexa Católica Romana vaia conspirar contra a democracia porque, desde posturas demócratas, é criticada en materia de moral e diñeiro.
A cousa deume para dispor estas notas, que agora mando para todos, e para el, que as le cun cafeciño:
Hai días fun a cabalo ata Bregua, aínda concello de Culleredo, pero tras dun túnel que parece o do tempo. Alí faláronme dun crego ao que lle chamaban “Macillo” porque parecía un mazo de cigarros, curto e ancho. Era pequenísimo, e tiña unha egua que para el era elefante…
Ese mundo de cregos cabaleiros xa pasou. E con el foise o dos alcumes bravos, coma o dunha paisana desas terriñas á que chamaban “a Besta, porque os fillos lle nacían con dentes, coma poldros”.
Vaise todo o antigo. O mundo é das telecomunicacións.
E remato, na lonxura: recibo mensaxe electrónica da miña señora sogra. Fálame de Naipaul, que vén de recibir o premio Nobel.
Os británicos son implacablemente racistas:
Seica lle chaman “the Black Knight”: o Cabaleiro Negro.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/10/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*