Falacia (A voapluma, Diario de Ferrol, 18/10/2001)

Teño por principio criticar en público aos que en público se manifestan.
Desde estas columnas critico a actitude dos que se din galeguistas e escriben en castelán co argumento falaz de que, así, “por desgracia”, chegan a máis xente.
Rebato o argumento desafiando as cifras e poño por exemplo o caso do Carlos Casares coa súa relida columna diaria: o prestixio da firma fai ler.
Hoxe, cando Galicia só é para min noticia a través da rede de redes, traio a estas liñas un artigo de Xosé Luís Barreiro Rivas titulado “Cuspidiñas”, aparecido no pasado día 14 na súa serie A Torre Vixía en La Voz de Galicia.
Di o Xosé Luís que as enquisas para as eleccións do 2001 son cuspidas polas de anos anteriores. E remata o artigo con exclamacións —”¡Como siempre! ¡Para siempre!”— que supomos de enfado.
O curioso do asunto é que Barreiro se declare “galegofalante” e a seguir forme a frase “fai catro anos”, tradución crúa do castelán “hace cuatro años”.
Sen dúbida, a falta de práctica da fala materna levouno ao lapsus (“fai” por “hai”). Como, se cadra, o pouco uso do inglés levou o seu compañeiro de páxina, Roberto Blanco Valdés, ao risco de escribir “low profil” con erro (“profile” é o correcto) para lle dar un pao ao Beiras.
Quizais os argumentos falaces de Blanco sobre o pobo bilingüe tenten o Barreiro. Pero non considero a ningún dos dous tan miope como para confundir bilingüismo con diglosia patética…
En fin, Xosé Luís: as enquisas só comezarán a mudar logo de que homes coma ti se decidan a dar o peito.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 18/10/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*