Linguas de comercio (A voo de tecla, 24/04/2008)

Escena de cidade galega: dúas mozas entran nun “outlet” elegante e póñense a remexer, colocan blusas e saias sobre as partes correspondentes dos corpos, fan chanzas entre elas e, por fin, con algo escollido, diríxense a unha dependenta que as estaba a observar. Para o seu abraio, esta zorrégalles: “No me habléis en gallego, que esto es una tienda de modas”…
No bilingüismo non cre ninguén que saiba de sociolingüística. Como moito, pódese admitir a diglosia consciente e respectuosa; pero en Galicia a diglosia é inconsciente e agresiva para o galego. Séculos de represión da lingua patrimonial conduciron a que nela non se deba falar de cousas finas, coma a roupa “chic”.
Os comerciantes galegos son parte dun pobo que toma o propio como inferior, ao que só lle concede un vago valor folclórico. De feito, abondan establecementos hostaleiros con nome enxebre, mais a eufonía do idioma -a súa vantaxe sobre o castelán- pouco se traslada a outros ramos (e fóra do nome, nada. Como moito, café de “pota”, que non ten significado en castelán).
A ofensa ás mozas compradoras de moda é só un exemplo mínimo do maltrato que uns galegos poden recibir doutros. En xeral, o comerciante do Impaís non considera que a súa lingua soe ben e sexa doada de comprender para quen pensa en castelán. Nunca rotulará en galego; mais tampouco fará aos seus dependentes aprender a “trade language” do mundo, o inglés. Para vender ben en varios idiomas, incluído o propio, seica non se pode ser galego: cómpre ser grego.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 24/04/2008]

Share