O mosteiro (A voapluma, Diario de Ferrol, 17/10/2001)

Se ningún enguedello o impide, chegaremos a Venecia, atravesando os ceos dunha Europa que sofren de conxestión.
Eu alá teño estado outras veces, e podería contar curiosidades da cidade onde xa cheira a Oriente, ao bizantino, á Dalmacia dos eslavos.
Mais a posible volta á capital da república marítima do Adriático faime lembrar unha viaxe peculiar, accidentada: en barco a Dubrovnik, con fuxida por culpa da guerra, da incomprensión bruta entre cristiáns “romanos” e “ortodoxos”, entre croatas e serbios.
Cando saïamos de Venecia contemplamos o fenómeno belísimo das súas torres a afundirse no mar; e cando voltamos e as vimos xurdir das ondas sentimos o alivio de reintegrármonos á civilización…
Non quero dar a malleira aos lectores cun libro que tanto me impresionou como Religión para Ana y Laura, mais de novo hai algo que me evoca as súas pasaxes, principalmente as dedicadas á relación entre o nacionalismo e as crenzas. José Antonio de Taboada (autor ou autores con pseudónimo) bate sen piedade contra xerarcas, sacerdotes e fieis que practicaron as chacinas entre eslavos do sur de distinta comuñón.
E sigo a pensar que ese autor —tal vez certamente galego, porque lle escapan galeguismos coma “falcatruada”— olla para o lonxe e non o fai cara ao seu:
Non sempre as igrexas estiveron ligadas aos sentimentos —e ás razóns obxectivas— das nacións, como el di.
Poida que os casteláns, os cataláns e os vascos teñan gardadas as esencias patrias en conventos.
Mais, ¿u-lo mosteiro gardián da galeguidade?

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/10/2001]

Share

Deixar unha resposta