Portuxés (A voapluma, Diario de Ferrol, 16/10/2001)

No aeroporto de Alvedro, como en calquera outro, a xente tenta matar o tempo de espera. Algúns len os xornais; e, entre os que os len, hainos con El Ideal Gallego na man.
Na contraportada do xornal coruñés aparece a cara de quen isto escribe, o que dá pé a que un dos lectores agardantes me olle, vacile e, por fin, se dirixa a min.
É un señor maior, indubidablemente xubilado e quizais lector demorado e regustador de moita materia xornalística.
Primeiramente tenta certificarse do obvio, pois a foto de A voapluma non ten retoques; e despois loa as liñas “que se len rapidamente”.
Agradézolle a loanza e engado que espero non o defraudar no futuro.
Faise un silencio. Non sei se seguir nos meus mesteres de pasaxeiro. No rostro venerable e sorridente do meu interlocutor aparece un xesto de precaución e…
—Teño unha crítica que lle facer —atrévese—. Penso que non debería escribir en portuxés como fixo hai días, con tanto “ge” e tanto “jota”.
Comprendo. Refírese á nota recente sobre o amigo Josemaria Monterroso, reintegracionista.
Un aviso sobre voos corta a nosa conversa e prometo responderlle desde esta columna. E, logo de pensalo, fágoo:
Os galegos están tolos, precisan de terapia lingüística colectiva. Chegan a dicir “portuxés” en galego pensando que “portughés”, ghegheante, está mal dito pois soa a castelán.
Hipercorrixen, xexexan, con xis, e non son capaces de pronunciaren á galega “jamais” ou “genro”.
Pero mandan os rapaces a aprenderen o idioma coa grafía máis difícil de pronunciar: o inglés.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 16/10/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*