Advertencia (A voapluma, Diario de Ferrol, 15/10/2001)

Con medo de que a equipaxe se perda nalgún cambio de avión, minimízoa para subila a bordo. Pero non prescindo das lecturas. Entre outras, números da revista TIME que non dei lido totalmente.
Nun deles vén un artigo sobre a profesora de relixión de Almería á que o bispado non lle renovou a nomeamento para seguir exercendo por estar casada polo civil cun divorciado.
A moza ten nome católico-romanísimo, Resurrección, mais de nada lle valeu.
A Resu (para os amigos) seica non é o único caso, como me lembra un señor ancián, ao que admiro pola súa capacidade de ter chegado tan lonxe na vida sen se desprender do pasado.
A súa memoria de “republicano galeguista e sindicalista” é envexable; aínda que os seus xuízos por veces me parezan esaxerados (sobre todo sabendo que foi xuíz, e con sona pola ponderación das súas sentencias)…
O caso é que este día estaba eu a falar con el de asuntos que pouco teñen que ver coa Igrexa Católica Romana, cando, mostrando preocupación no rostro, me dixo que as cousas da democracia se ían pór moi mal en España, “por culpa de Gescartera e dos profesores de relixión”.
Entrou en materia, fixo repaso co seu falar sentencioso a cerca de “os ataques da prensa contra os cregos, que non lles perdoades unha e han estar furibundos”.
Asegureille que eu non lle dera a menor atención aos preitos dos profesores de doutrina e dos diñeiros dos ecónomos episcopais.
Pero el seguiu na idea:
—Tede coidadiño os xornalistas —advertiu, incluíndome—, que así caeu a República. ¿Oíches?
—Oín.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 15/10/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*