Orneos (A voapluma, Diario de Ferrol, 14/10/2001)

Recentemente tiven unha desgracia telemática (un sector de disco duro “tocado”) que me impediu volver sobre a carta dun amigo enfadado e ás notas dun lector que se define dicindo de si “eu non son ninguén (aínda que non son un ninguén)”.
Deixarei o amigo para o epistolario electrónico privado e tentarei responder en público ao lector que me roga discreción a cerca da súa personalidade (para min non oculta).
Pídeme este señor que me “molle” en relación ao proceso electoral que vive Galicia. Que me “posicione”.
Ben: podería responderlle cunha anécdota, ou remitilo ao labor de escritor “independente” que me recoñece. Pero vou facer algo máis.
A anécdota é que hoxe, en día de figos e castañas, andando a cabalo no silencio denso do val de Loureda escoitamos un burro a ornear, ao que lle respondía outro da mesma maneira; e un compañeiro exclamou: “¡Velaí o debate!”
A campaña está fea. Estanse a dicir asneiras que os candidatos nunca dirían sentados á miña mesa. A caterva pinta a don Manuel de gliptodonte ao xeito do de Iria Flavia. Ao Xosé Manuel, de Osama bin Beiras.
Doutra banda, ¿non abonda co que levo escrito desde hai trinta anos para ter que resumir nunha columniña o que penso e sinto?
Mentres preparo equipaxe con sensación de quen foxe para non sufrir (e, se cadra, nin votar), maldigo a estulticia xeral, futboleira, que impide á masa formar concepto.
Móllome, posiciónome, negando o sufraxio universal:
Só debe votar quen pretende elixir lexisladores. Non entregar o poder a alguén.
¿Vale?

[Diario de Ferrol, A voapluma, 14/10/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*