Acerto (A voapluma, Diario de Ferrol, 13/10/2001)

A noticia sorpréndeme ao medio día, no coche: concederan o premio Nobel a un escritor que o locutor coñece só polo apelido, Naipaul.
Vénme logo á mente un libro, The return of Eva Perón; e a seguir unha fervenza de imaxes, de lugares e ocasións na Arxentina que tanto quero —e, sobre todas elas, a beleza elegante dunha dama de ollos, pel e cabelos claros:
Unha “anglo” de físico ben diferente ao do Vidia, “brown chap” que escribiu cousas tan desagradables sobre as realidades do mundo —un mundo que lle queda pequeno…
Despois, durante o xantar, recibo a chamada dunha xornalista que pide comentarios sobre ese suxeito feo que, ao total, se chama Vidiadhar Surajprasad Naipaul.
Pouco teño que lle comentar, pero si lle falo dunha longa relación sentimental que a Naipaul lle deu coñecemento da outra patria de tantos galegos. Expóñolle a visión aceda da Arxentina que o novo Nobel sintetizou nunha frase rotunda: “land of plunder”, “terra da pillaxe”, onde todo o mundo tenta botar as gadoupas a algo…
Agora, ao caer da noite penso na oportunidade dos señores da Academia Sueca: danlle o premio a un autor indiscutible pola masividade das súas vendas “de excelente Literatura”, como dicía un crítico de TIME hai uns anos.
Pero quizais tivesen en conta que, escribindo en inglés, vén de familia índica e é un musulmán aberto a todas as culturas.
Hoxe é politicamente máis que acertado premiar o autor de Among the Believers: an Islamic Journey.
E xa veremos como aparecen axiña as traducións da súa obra.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 13/10/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*