PEMEs (A voapluma, Diario de Ferrol, 12/10/2001)

Madrid. O taxista quéixase dos infinitos coches que nos atrancan o camiño; pero fala con orgullo do embigo de España. Anuncia que xa non se ven carteis de “Se vende” nin de “Se alquila”. Todo está cheo. Como nos anos 60, Madrid succiona os que queren triunfar lonxe da terra de orixe.
Custa un triunfo chegar ás dependencias do Ministerio de Ciencia y Tecnología. Alí explícannos o que vai ser o novo programa ARTE PYME, dedicado a introducir as tecnoloxías da información e da comunicación nas PEMEs, que os políticos miran con tanto cariño porque —explícanos unha directora xeral con apelido de oficio: Barreiro— case o oitenta por cento dos empregos en España proceden de compañías de menos de 250 traballadores.
Seguen as explicacións e os asistentes ollan con incredulidade as cifras dos funcionarios do ministerio: parece mentira que España sexa tal ermo telecomunicativo.
E hai diñeiro para promover proxectos que conduzan a superarmos o atraso. O que ocorre —e non lles dicimos aos funcionarios, porque ben o saben— é que as tales PEMEs non lle negan o bo coche aos directivos pero só innovan se conseguen a innovación de moca. A súa porcentaxe no risco non pasa do 0…
No aeroporto atopo o Carlos Casares munido da súa máquina marabillosa: o ordenadoriño que colle na palma da man co teclado extensible. Acaba de enviar a crónica a La Voz de Galicia por medio do teléfono móbil, e segue para a feira de Frankfurt.
Dá xenio encontrarse con alguén a quen non cómpre convencer das nosas tecnocrenzas.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 12/10/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*