Efecto tango (A voapluma, Diario de Ferrol, 11/10/2001)

Recibo a chamada dun amigo, arrastrado á emigración contra vontade, que non quería marchar a Buenos Aires e acabou indo alá para formarse, facer negocios e crear familia.
Manuel Pampín, alma da editorial Corregidor, andou pola patria vella; chegou ata Melide e quixo vir á Coruña para falarmos de libros e música: este galego no corazón da capital do Prata editou o máis selecto da literatura arxentina; e pode considerarse quen máis sabe e mellor publicou sobre o tango.
Con pena de non falarmos cara a cara, por teléfono dáme novidades: vai editar brasileiros traducidos. Entende -coma min- que o Brasil é unha potencia literaria…
Aos poucos a conversa deriva. Entramos no eterno problema da “deuda eterna” da Arxentina, cando o país enfronta unha renovación total de senadores e parcial de deputados no medio dunha crise mundial.
Saltan os nomes, e xorde o de Ricardo Lafferriere, embaixador arxentino que coñecemos aquí gracias ao labor sistemático do Instituto de Estudios Políticos y Sociales que preside Antonio Campos Romay.
“Galicia, portal de América”, serie de presentacións de embaixadores organizada polo Instituto, vai esclarecendo realidades que só se coñecen de oído.
E Pampín coincide co que nos dixera Lafferriere: Estados Unidos non quere esganar a Arxentina co cobro da débeda, porque, tras dela, o Brasil pode afogar polo “efecto tango”.
Hoxe -engade-, nos horrores do tumulto global, Arxentina vese beneficiada coa baixa de xuros sobre o dólar…
Falta, Manuel, que o saibades aproveitar.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 11/10/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*