A Ana e Laura (A voapluma, Diario de Ferrol, 10/10/2001)

Queridas Ana e Laura: o temporal varreu a xente da praza en día santo. A Irene e eu tras do vidro ollamos gaivotas pasar e árbores axitarse. E, como noutros momentos de paz, vemos un crego veciño, ensotanado, a ler libros que han ser de relixión —sen dúbida, católica, apostólica e romana.
Agarimo o cabeliño trigueiro da pequena e penso en vós, e no voso pai. Tento imaxinar quen sodes, os tres.
¿Pode haber un pai que lles escriba ás fillas algo tan feroz como Religión para Ana y Laura? ¿Que motivou o que alguén lese centos de libros e escribise centos de páxinas para concluír tan rotundamente?
“Con el tiempo —velaí a frase final que vos dirixe—, no lo dudéis, las tres desaparecerán: la historia de la humanidad está en sus comienzos”.
Esas “tres” a que se refire José Antonio de Taboada son as relixións monoteístas que parten da Biblia, fes que hoxe informan as morais dos pobos que entraron —en bloques— na guerra do Bush contra o Ben Laden
¿Desaparecerán? ¿Que chegará a ver a miña netiña inocente, nacida en tempo de conventos e seminarios baleiros?
Non sei. Pero na historia da humanidade sempre houbo “dios”, en castelán e en minúscula como escribe o voso pai.
E tampouco sei o que se oculta tras do libro de portada escandalosa (unha muller crucificada), aínda que supoña resentimentos dun autor que foi “papista” e, se cadra, membro do Opus Dei (“esa fanática, extraña y peligrosa secta católico-calvinista”).
Os desamores sempre deron azos para lanzar venabres. Os pseudónimos, helmo e escudo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 10/10/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*