Electromedicina (A voo de tecla, 06/04/2008)

A electrónica tivo a súa aplicación inicial nas radiomunicacións. Por iso en España se comezou a estudar na Escola de Telecomunicación. Pola mesma razón foron enxeñeiros dese ramo os primeiros en traballaren nas novas técnicas de apoio ao diagnóstico médico, chamadas no seu conxunto “electromedicina”.
De Telecomunicación era o profesional que lle montou ao marqués de Villaverde o primeiro ecocardiógrafo usado nun hospital español. O enxeñeiro, que lle entregara ao xenro do Xeneralísimo o cartón de presentación onde constaba o seu título, lembra como o fatal transplantador de corazóns lle dixo á súa secretaria “Señorita, dele línea aquí al mecánico” cando houbo necesidade de comunicar coa empresa vendedora do aparello.
Esta anécdota sitúanos no intre en que se comezaban a aplicar as técnicas da información e a comunicación a centros médicos, gobernados por “bruxos” que se facían chamar doutores sen o seren. Mais correron as décadas e agora hai cooperación, maridaxe admirativa, entre médicos instrumentistas e enxeñeiros deseñadores de instrumentos.
A electromedicina actual funde o “soft” co “hard”, acolle miríades de dispositivos e programas lóxicos que nos permiten ver o ser humano por dentro sen usar o bisturí; e, aínda máis, facilita a racionalización de recursos hospitalarios. Hoxe fálase de “saúde electrónica” e “saúde intelixente”: un fondo inesgotable de investigación e desenvolvemento sobre a física e a química —observables en detalle, medibles— que rexen corpo e mente.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 06/04/2008]

Share