Renome (A voapluma, Diario de Ferrol, 09/10/2001)

Nas pasadas semanas houbo na Coruña dúas mesas redondas que viñeron tocar en asuntos confluentes. Unha, no club financeiro, con José Saramago, Xosé Manuel Beiras e Ignacio Ramonet; a outra, no Círculo de Artesáns, con Gonzalo Parente, Arturo Lezcano e Javier Ruipérez. Na primeira, a afluencia de oíntes deu lugar a un incidente de orde pública; para a segunda, ficaban lugares baleiros.
A razón da diferencia está no renome dos conferenciantes malia que a do Círculo tiña moito máis peso: ía ser densa no compromiso das palabras -e tería continuación con cea suxerinte dun ensaio sobre o que fai gañar medo aos gobernantes do noso mundo “globalizado”.
No club financeiro, Beiras foi profesor de Economía moi crítico co neoliberalismo, Ramonet non dixo nada contra a globalización que non saiban os rapaciños esquerdosos e don José obsequiounos coa súa belísima voz de vello comunista.
Pero nos Artesáns escoitáronse termos contundentes: “conflicto”, “Palestina”, “estado xudeu”, “Islam”, “estratexia de gato e rato”, “terrorismo”, “choque de civilizacións”, “guerra mundial”, “comandos”, “nova orde”…
O esquema debuxado polo coronel Parente tiña centro, mesmo de diana, nese anaquiño absurdamente relixioso da terra que chaman Santa. E de aí se expandía por un mundo de inseguridade incontrolada.
Na cea falouse de mozos en idade militar, e alguén recordou frases dun xeneral ianqui contra a “alerxia que produce matar e morrer”…
Pena que o público das dúas conferencias non se tivese repartido a metades.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 09/10/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*